luns, 26 de febreiro de 2018

O Día de Rosalía de Castro


 Ola rapazada! Hoxe  comezamos a semana cunha actividade moi especial...

UN ACTO ADICADO  A ROSALÍA DE CASTRO!

Rosalía de Castro



Este sábado 24 de Febreiro, celebramos O Día de Rosalía de Castro co gallo da conmemoración do 181 aniversario do nacemento da nosa poeta máis universal.

No cole fixemos un acto especial no seu honor.

Todas as crianzas e o profesorado xuntáronse no salón de actos para recitar poemas desta escritora galega. 

Cada grupo aportou un estilo diferente para homenaxear a Rosalía.

Algunha clase  recitou os poemas con música de fondo  ou con presentación na pantalla de imaxes ou traballos feitos polo alumnado. 

Esta foi a escolla de Poemas entre as diferentes clases do centro:

"Adios ríos, adios fontes",  Infantil
                                    

"Caldo de gloria", 5º e 6º de E.P.


"Vente rapasa", 4º de E.P.


"Meniña ti, a máis fermosa", 2º de E.P.


"Parece unha rosa", 3º de E.P.


"Como chove miudiño", 1º de E.P.


Se queredes leer os poemas e recitar algún na casa podedes atopalos aquí:  Poemas de Rosalía de Castro

Ademais, tódolos cursos traballaron arreo sobre a figura de Rosalía nestes días. Investigaron sobre a súa vida, a súa obra...e mesmo fixeron traballos artísticos moi bonitos.

Ollade que mural tan fermoso colocaron na planta baixa!



 "Vente rapasa", traballo feito polo alumnado de Relixión




"Caldo de gloria", feito por 5º e 6º de E.P.



En 2º de Primaria fixeron estas ilustracións sobre o poema elexido de Rosalía: "Meniña ti, a máis fermosa"








E agora velaquí algunhas imaxes deste acto tan emotivo. A medida que avance a semana subiremos máis fotos do evento.


O cártel que decoraba o escenario foi feito polo alumnado de 1º de Primaria; que bonitiño!

Comezamos...


O profesorado axudando  a distribuir á rapazada nas súas cadeiras



Pero que riquiñas as crianzas da clase de3 e 4 anos coas máscaras de Rosalía!



2º de Primaria



Infantil, 5 anos




1º de Primaria



5 anos, 5º e 6º de Primaria. Todos xuntos!




4º de Primaria



6º de Primaria e Infantil 5 anos



Tamén houbo videos das actuacións. Ollade ao alumnado de 1º, pero que ben recitaron o poema  "Como chove miudiño"! Por certo, con música composta polo profe de música, Iván.  Grazas por colaborar profe!





E velaquí o grupo de 2º de E.P. cantando unha versión de " Meniña, ti a máis fermosa"...


                                    



...e recitando este fermoso poema !







Por certo, de seguro que vos soa esta canción tan sentida... Amancio Prada, un músico galego, púxolle música a este triste poema de Rosalía,  pertencente á obra "Cantares gallegos", e que fala da  gran pena que un emigrante sinte cando está a piques de deixar a súa terra e o seu lar.

                                  



Para rematar, podedes botar unha ollada ao fermoso Manifesto da AELG deste ano 2018, escrito pola autora María Reimónde.


Manifesto no Día de Rosalía de Castro 2018:  Abride a fiestra

Nun mundo de fiestras pechadas, buscamos o refacho de vento que as abra de vez. Nun mundo que busca facer as comunidades e as persoas máis pequenas, os cartos e a cobiza máis grandes, precisamos forza e profundidade, emoción e pensamento. Ante as fiestras pechadas contra a vida, contra as voces das mulleres, das desprazadas e das nosas outras cómprenos unha palabra firme e abranguente que nos guíe. No bater das fiestras que cheiran a couza do pasado, a mentiras que repetidas mil veces queren chegar a ser verdades, a fala que se nos rouba e aire que nos falta precisamos a bravura das mareas e o salvaxe das montañas. Precisamos todo do que falou e todo o que foi Rosalía de Castro.

Ela é o refacho que busca abrir as nosas fiestras. Un refacho que chega dende o pasado para nos falar do futuro. Un refacho que quere abrir a fiestra para que poidamos navegar. Coa forza das baleas, da que busca novas fillas do mar, da que se ri dos papeis de xénero e nos anima a redefinilos como literatas. Un refacho que trae a voz de todas as meniñas gaiteiras que están por chegar. Un refacho que canta a vida e transforma todo dende as raíces.
Mais para que o refacho entre, precisa da nosa vontade. Pídenos, imperiosa: Abride a fiestra!

E na nosa man está abrir a fiestra. Abrila para vermos a muller, a escritora, a irredutible. A voz que nos une ás rebeldes do mundo, que fascina coa súa luz por onde pasa, que nos ofrece a súa clarividencia para tecermos novas alianzas, a que sempre está do lado da xustiza, do noso lado, a que sempre está aínda por descubrir. Porque en todos os recunchos do mundo, mais sobre todo aquí, en Galicia, hai rosalías que cantan e que falan, alancando con brillantes e destemidas botas azuis entre a lama.

Rosalías que abrimos a fiestra saíndo á rúa contra o espolio da terra que ela cantou, ecolóxica antes de que existise nin o termo. Cada vez que nos negamos a seguir converténdonos en plantación de eucaliptos, minas, xeriátrico e mercadoría, reivindicando a paisaxe que ela utilizou politicamente coma ninguén. Cada vez que pulamos polo público, a sanidade, o transporte, as axudas a quen está na marxe e ela puxo sempre, dende o afecto e a transgresión, no centro. Cada vez que desfacemos o discurso que sustenta a violencia de tantos Pedros mediante a escrita e a acción feminista, contra todos eses que seguen ladrando mentres nosoutras camiñamos.

Abride a fiestra para as viaxes interiores, para a coraxe dos afectos, para sermos das que non temos medo de pensar e de sentir simultaneamente, de recoñecernos mulleres con palabra e voz propia, herdeiras e compañeiras daquela que en cada dedicatoria se recoñecía nas súas iguais.

Abride a fiestra á afouteza e ao abraio, á redefinición do que a historia dos homes fixo de mulleres irreverentes coma ela.
Abride a fiestra porque Rosalia de Castro é o mundo que está por facer. Un mundo que se abre se o abrimos.

María Reimónde
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)
#AbrideAFiestra



Rematamos! 


Viva Rosalía e tamén o seu día!